Aproveitando o peche das escolas infantís no mes de agosto, o Concello do Porriño está a acometer unha serie de obras ao igual que tamén se están a executar traballos de mellora no centro de día de Torneiros, cunha inversión total de preto de 80.000 euros.
O obxectivo é «crear unha maior calidade dos servizos que ofrecemos ás familias do Porriño. A nosa prioridade é garantir espazos seguros, accesibles e confortables tanto para a cativada como para os maiores» aseguraba o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor engadía que «a colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está a ser clave para avanzar neste compromiso con toda a cidadanía».
Na escola infantil de Torneiros estase a executar a amior das obras, cun orzamento de 47.790 euros, consistente na substitución da cuberta, deteriorada por un problema continuo de filtracións, e instalación dun equipo de climatizacións. Pola súa banda, no centro de día, co fin de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade do recinto, estase a colocar un novo peche perimetral, que supón unha inversión de 26.250 euros. Ámbalas dúas obras prevense que queden rematadas a vindeira semana, coincidindo, no caso da escola infantil co inicio do curso escolar.
Na Galiña Azul de Doantes de Sangue, ubicada no casco urbano, levouse a cabo a impermeabilización das fachadas e reparación interior dos danos causados polas humidades e filtración de auga. Neste caso os traballos, valorados en preto de 5.000 euros, xa están rematados.
A maiores destas obras realizáronse outras menores de mantemento das instalacións e mobiliario, co fin de garantir o bo estado das infraestruturas e ofrecer un entorno máis adecuado e acolledor para os 160 usuarios destes tres centros. Estas actuacións inclúen reparacións eléctricas e de fontanería, revisión e axuste de peches interiores, reposición de mobiliario danado e labores de pintura en distintas estancias.