Galicia Suroeste iniciou o pasado mes de marzo os tramites para a certificación como destino Starlight, seguindo a folla de ruta establecida no Plan Estratéxico da entidade e no Plan de Sustentabilidade Turístico en Destino do que é órgano xestor.
A piques de rematar o proceso de auditoría, a entidade recibirá a certificación da Fundación Starlight neste mesmo 2025. Ten sido un proceso laborioso e exhaustivo que contou coa participación dos 14 concellos que forman parte de Galicia Suroeste asinando todos eles a “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” (Declaración de La Palma 2007).
Os destinos turísticos certificados, son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico, e fomentan a súa vez o “Turismo das Estrelas”.
Co fin de iniciar a promoción deste novo produto turístico que busca a protección, a conservación e o retorno económico para os territorios, Galicia Suroeste ofrecerá a partir do mes de setembro un ciclo de 14 actividades para a iniciación á observación dos ceos nocturnos. As actividades, dentro do programa “Os Ceos de Galicia Suroeste” consistirán en saídas nocturnas realizadas por guías turísticas certificadas pola Fundación Starlight, que permitirán ás persoas interesadas descubrir unha nova forma de mirar ao ceo e iniciarse no mundo do astroturismo.
Para poder participar, a entidade abrirá o vindeiro venres día 29 de agosto a inscrición na súa web, galiciasuroeste.gal.
As datas previstas para as actividades de observación que cubrirán todos os concellos de Galicia Suroeste son: Mos, o 5 de setembro; Pazos de Borbén o 6 de setembro e Baiona o 7 de setembro. A seguinte fin de semana as actividades serán nos concellos de Redondela, Fornelos de Montes e Tui, os días 12, 13 e 14 de setembro respectivamente.
O día 20 a actividade chegará a Gondomar e rematará o mes de setembro con actividades en Soutomaior o día 26 e Nigrán o día 27. Xa no mes de outubro, os días 3 e 4 a actividade poderá realizarse en Tomiño e O Porriño, e finalizarán a fin de semana do 10, 11 e 12 de outubro, pechando o ciclo, será o turno de O Rosal, Oia e A Guarda, respectivamente.