O festival O Son do Pazo celebra esta fin de semana, os días 30 e 31 de agosto, a súa décima edición, combinando ao igual que cada ano a música tradicional, o espírito intercéltico e actividades participativas para todos os públicos.
A organización vén de anunciar os horarios das actuacións, que darán comezo o sábado 30 de agosto pola tarde coa celebración das III Olimpíadas Rurais e se prolongarán ata a madrugada.
Programación
16:30 h → III Olimpíadas Rurais
20:00 h → Pasarrúas Treboada Baixo Miño
21:00 h → Airiños do Castelo de Mos
21:55 h → Algaire de Asturias
23:10 h → Sheila Patricia
00:25 h → Mediarea
01:40 h → Mekanika Rolling Band
Pola súa banda, o domingo 31 de agosto, a xornada estará dedicada ao público familiar cunha sesión vermú que inclúe a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona ás 12.30 horas, un obradoiro de baile tradicional dirixido por Hadrián García (13:10 horas) e o concerto final de Zurrumalla, ás 14.20 horas, que porá o broche a esta edición tan especial.
Ademais, durante o festival terá lugar a entrega do Premio Mestre Machiño 2025 ao proxecto de investigación e divulgación da música tradicional galega “Arredor da tradición”, desenvolvido pola etnomusicóloga Xulia Feixoo e o músico Guillerme Ignacio.