A Asociación Lazoiro de Salvaterra de Miño vén de denunciar nun comunicado de prensa o estado das árbores da vila onde aseguran que “gran parte do arborado está en risco de caída“.
A agrupación asegura que o Concello de Salvaterra “talou numerosas árbores no centro da vila, que non foron substituídas, quedando en moitas ocasións parte dos troncos durante longos periodos”.
A maiores desta problemática, a asociación contabilizou no centro do municipio “máis de 20 localizacións onde antes había árbores e agora foron directamente substituídas por baldosas, suprimindo así zonas de sombra e facendo por tanto que as rúas alcanzen temperaturas máis elevadas”.
Ao tempo, dende Lazoiro solicitan tamén que “se supriman as prácticas de mantenento habituais deste Concello na xestión das árbores e arbustos” onde aseguran que “prima unha poda excesivamente agresiva“.

