O Concello de Salceda de Caselas vén de solicitar á veciñanza a colaborar coa zona afectada polos incendios na Picoña. O obxectivo é ofrecer comida para os animais do monte que tras os lumes quedaron sen alimento e evitar así que baixen ás aldeas ou crucen as estradas en busca de comida.
Así, pídese á poboación que achegue ao baixo do Auditorio Municipal aquela froita pasada que queda nas árbores, que segundo indican dende o goberno local «remata por estragarse por non recollela a tempo». Deste xeito, aseguran que «con esta iniciativa axudamos a que os animais teñan alimento e ao tempo contribúese a mellorar o ecosistema».
A recollida realizarase este mércores 27 e o xoves 28 en horario de mañá no baixo do Auditorio Municipal. As persoas que desexen achegar froita, deberán entregala nun capacho co nome escrito, para poder recollelo ao día seguinte.
