martes, agosto 26, 2025
InicioNewsComarcasRedondela denuncia unha web "fraudulenta" de turismo con máis dun 80% de...

Redondela denuncia unha web «fraudulenta» de turismo con máis dun 80% de contidos falsos

O Concello de Redondela alerta que a páxina «turismoredondela.es» ofrece información errónea sobre lugares, fotografías e establecementos inexistentes. Desde a administración local, indica que o sitio web xa está denunciado ante os organismos estatais e autonómicso para que sexa retirado.

O Concello tivo coñecemento da existencia desta web «o pasado mes de xullo e o departamento de Novas Tecnoloxías revisou o seu contido de xeito exhaustivo», segundo inican. Así, comprobouse que nunha porcentaxe superior ao 80% os contidos da web son erróneos ou falsos. Faise referencia a lugares que non se atopan no municipio de Redondela, como o templo de San Benito, o Sendeiro das Greas ou a praia de Loureiro.

Ademais, a web contén tamén fotografías cuxas imaxes non se corresponden coa información á que fan referencia. A páxina ofrece tamén información de establecementos de hostalaría que non existen neste municipio “e así a gran maioría dos recursos turísticos que ofrece a páxina, que non se axusta para nada á realidade”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. 

Denuncia

O Concello xa comunicou este feito aos organismos públicos para que retiren a páxina de internet, tanto ao CCN (Centro Criptográfico Nacional), como ao INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) , a AEPD (Axencia de Protección de Datos) e aos Servizo Ciberseguridade Acordo Marco ( Amtega – Xunta de Galicia)

Tamén se comunicou a Google esta situación dende o Concello de Redondela para dar conta desta situación, xa que esta páxina aparece como segunda opción neste buscador, por detrás da web oficial de turismo do Concello de Redondela. O departamento de Novas tecnoloxías tentou poñerse en contacto cos responsables da web a través do correo electrónico que se indica na páxina para solicitar a súa retirada, «pero non obtivo resposta». 

Esta páxina web utiliza un logo e unha imaxe moi semellante á da web oficial de Turismo do Concello de Redondela. “Esta situación está provocando un prexuízo ao Concello de Redondela e á súa veciñanza, e sobre todo aos turistas e peregrinos que veñen a visitar a nosa vila, xa que moita información que ofrece esta páxina é falsa, o que xera malestar entre os visitantes e unha mala imaxe do noso municipio cara ao turismo”, denuncia Rivas.

O informe do departamento de Novas Tecnoloxías advirte que «é moi probable que esta web estea con algún programa de IA, ou unha web que se fixo para monetizar as visitas mediante a publicidade que salta ao visitala, sen importar o contido».  

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS