martes, agosto 26, 2025
InicioNewsComarcasO edil Fran Aparicio deixa a súa acta no Concello de Ponteareas...

O edil Fran Aparicio deixa a súa acta no Concello de Ponteareas e o BNG incorpora a Marián Hermida

A psicóloga e criminóloga Marián Hermida substituirá a Fran Aparicio na bancada do Bloque Nacionalista Galego no pleno de Ponteareas. Aparicio renuncia a súa acta por motivos laborais , segundo indican nun comunicado os nacionalistas.

Así, o BNG vén de anunciar cambios no seu grupo municipal en Ponteareas de cara ao inicio do novo curso político. Marián Hermida será nova concelleira do Bloque en substitución de Fran Aparicio, que presentará a súa renuncia no Pleno deste martes debido a «incompatibilidades laborais que lle impiden desenvolver con normalidade a súa labor como membro da corporación municipal», tal e como explican desde o BNG de Ponteareas.

Benestar Social

A incorporación de Marián Hermida, «cunha sólida traxectoria no ámbito do benestar social», tal e como destacan desde a fronte nacionalista, supón un «reforzo fundamental para o traballo que o BNG vén desenvolvendo neste eido«. Ademais, indican que “nun momento como o actual, no que a atención ás persoas e ás necesidades sociais é máis necesaria ca nunca, contar con alguén cun perfil comprometido e con experiencia directa neste sector permitirá avanzar con máis forza na nosa aposta polas políticas públicas centradas no benestar da veciñanza”, sinalan.

Renuncia de Fran Aparicio

Así mesmo, o Bloque quere agradecer a Fran Aparicio «o seu traballo, dedicación e compromiso co proxecto do BNG e con Ponteareas ao longo deste mandato, desexándolle o mellor na súa etapa profesional e nos seus proxectos persoais«.

O propio Aparicio indicou que «esta renuncia non significa dar un paso atrás no meu compromiso coa veciñanza de Ponteareas; seguirei traballando e colaborando co meu grupo, convencido de que o BNG é quen pode ofrecer á cidadanía un goberno que  se preocupe polas necesidades reais das persoas”. “Quero agradecer ao BNG e a Cristina Fernández a confianza depositada en min para formar parte deste proxecto. Foi unha honra poder compartir este camiño e formar parte dun grupo que ten sempre as veciñas e veciños de Ponteareas no centro das súas decisións”, concluíu Fran Aparicio.

Marián Hermida

Marián Hermida Garazo, nacida na Freixa e veciña de Bugarín, é Licenciada en Psicoloxía, Diplomada en Criminoloxía, Diplomada en Traballo Social e Máster Universitario en Igualdade e Xénero no ámbito público e privado, especialidade en Violencia de Xénero. Na actualidade traballa como Técnica Superior de Inclusión Sociolaboral no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS