martes, agosto 26, 2025
InicioNewsA Xunta salienta o traballo dos axentes para protexer o Parque Natural...

A Xunta salienta o traballo dos axentes para protexer o Parque Natural do Invernadeiro dos incendios

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá en Ourense o traballo que están a realizar os axentes ambientais, o persoal ao servizo do seu departamento e o dispositivo de extinción da Xunta para protexer o Parque Natural do Invernadeiro ante a vaga de lumes deste verán.

Durante unha visita a este espazo protexido, afectado por un incendio orixinado o 8 de agosto no concello limítrofe de Chandrexa de Queixa, a responsable autonómica verificou in situ as zonas danadas dentro do parque e comprobou as medidas adoptadas nas últimas semanas no marco do dispositivo activado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para reforzar «o sistema de protección e salvagarda dos espazos naturais protexidos afectados polos incendios forestais».

Efectivos

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que para protexer da entrada do lume O Invernadeiro o seu departamento mobilizou dúas máquinas pesadas que axudaron a repasar os cortalumes existentes e executou unha serie de obras na zona que se declararon de emerxencia para poder axilizalas.

Ademais, o persoal da Consellería asignado ao parque natural (axentes, gardas, persoal do Centro de Recuperación de Fauna do Rodicio e técnicos) traballaron no reforzo das franxas de protección perimetrais nos camiños que o rodean e realizaron actuacións de ataque manual nas distintas frontes do lume para minimizar o seu impacto dentro dun espazo protexido que, recordou, é un ecosistema natural de referencia a nivel europeo.

Por este motivo, a conselleira agradeceu “o esforzo” realizado polo operativo despregado en coordinación coa Consellería do Medio Rural para preservar O Invernadeiro e reducir o impacto do lume no seu interior.

Así mesmo, a responsable autonómica tamén destacou o papel “en primeira liña” dos alcaldes dos municipios afectados durante a vaga de incendios en Galicia, lembrando que a Xunta «está ao seu carón e con tal fin, aprobará a finais desta mesma semana un completo paquete de medidas urxentes para a reparación dos danos causados».

En concreto, explicou que no caso do seu departamento poranse á disposición dos afectados axudas para reparar infraestruturas de uso público localizadas dentro da Rede galega de espazos protexidos e/ou reservas de biosfera que resultaran afectadas polos incendios forestais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS