Carlos Núñez chegará a vindeira semana a Ponteareas coa súa xira «Lugares Máxicos», da man do programa Son Verán da Deputación de Pontevedra.
En concreto, o artista galego actuará o vindeiro venres 5 de setembro no Castro de Troña e o evento dará comezo ás 19:00 horas. A entrada ao evento é de balde, e é posible reservar convite a partir de mañá, martes 26 de agosto.
Carlos Núñez ofrecerá o seu espectáculo “Lugares máxicos”, unha xira que comezou fai oito anos para tocar no verán en localizacións fermosas de Galicia poñendo en valor o patrimonio musical, arquitectónico, gastronómico e natural da comunidade. Ademais, trátase dun modelo respectuoso coa natureza e co medio ambiente, xa que se aproveita a luz solar e as acústicas naturais dos lugares sen os excesos de produción habituais neste sector.
As reservas de acceso habilítanse a partir deste martes na biblioteca municipal, a través do correo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 618705639. A data máxima para retirar ou reservar os convites será o xoves 4 de setembro.