A Xunta restablecerá desde mañá a asistencia sanitaria en todos os centros de saúde da provincia de Ourense tras despregar catorce antenas satélite e ata 80 quilómetros de fibra para garantir as comunicacións.
«Este esforzo sen precedentes da Xunta de Galicia para coordinar os recursos e garantir a asistencia nos centros sanitarios das áreas da provincia de Ourense, nas que os incendios forestais afectaron a rede eléctrica e ás comunicacións», segundo indican desde a administración autonómica, «permitirá desde mañá a plena normalidade asistencial de todos os centros de saúde».
Con todo, desde a Xunta de Galicia indican que «cómpre remarcar que a planificación e reorganización da asistencia realizada pola Xunta este luns e martes, concentrando a atención médica nos centros cabeceira e mantendo o servizo de enfermería en todos os centros, permitiu garantir a atención a toda a poboación sen complicacións». É dicir, todos os centros de saúde permaneceron abertos, reorganizando a asistencia médica nas cabeceiras de comarca para facilitar o acceso á totalidade de aplicacións do Sergas (historia clínica, receita electrónica, etc), garantindo a continuidade asistencial a toda a poboación.
Co obxectivo principal de retomar a normalidade desenvolvéronse e continúan executándose numerosas actuacións, destinadas a manter a asistencia sanitaria nos concellos afectados polos incendios.
Estas medidas organizativas facilitaron igualmente manter a actividade nos dous hospitais comarcais, que se viron afectados por cortes de subministro eléctrico e das comunicacións, así como nos centros de saúde de todas as cabeceiras de comarca e puntos de atención Continuada.
Para manter informada á poboación enviáronse máis de 35.000 SMS, para informar dos distintos cambios organizativos da atención sanitaria básica dos diferentes concellos afectados, e responder así ante unha emerxencia sen precedentes. Este esforzo de comunicación directa permitiu minimizar desprazamentos innecesarios e que se desenvolveu sen incidencias.
14 antenas satélite e 80 km de fibra óptica
Para recuperar as comunicacións instaláronse ata 14 antenas Starlink nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín e nos centros de saúde de Trives, Verín, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco, Vilardevós, A Mezquita, Ribadavia, A Veiga, Laza, Larouco e Manzaneda, que aseguran a conexión vía satélite. Este sistema permite o acceso a internet de alta velocidade con baixa latencia en calquera lugar, incluso en zonas illadas ou afectadas pola destrución de infraestruturas.
Coordinado pola Xunta de Galicia, un operativo formado por 57 persoas de Telefónica traballaron para restablecer os servizos de datos e telefonía, xa que os incendios destruíron un gran número de infraestruturas clave de comunicacións: desde a fibra óptica que transporta os datos e facilita a conexión a internet e a telefonía nos centros sanitarios, ata as centrais de 5G, que dan cobertura aos cidadáns e serven de soporte auxiliar aos centros sanitarios.
Para iso, despregáronse ata 80 quilómetros de fibra óptica, un traballo de enorme dificultade nas áreas afectadas polos incendios, con árbores e postes queimados, terreos inestables e condicións climáticas adversas. Igualmente se reforzaron as liñas móbiles e de backup ou soporte, co obxectivo de manter operativas as comunicacións sanitarias en todo momento.
Igualmente, mobilizáronse 4 unidades móviles, para reforzar a cobertura de redes telefónicas móbiles nas zonas máis afectadas e instaláronse 4 grupos electróxenos móviles, que permitiron asegurar a estabilidade enerxética das centrais e evitar interrupcións no servizo.
A Consellería de Sanidade quere recoñecer expresamente «o esforzo do persoal do Sergas, en especial dos técnicos de mantemento e comunicacións, equipos de loxística e profesionais sanitarios, así como a colaboración do persoal das diferentes empresas de comunicacións, protección civil e forzas e corpos de seguridade, que fixeron posible manter a asistencia mesmo nas condicións máis adversas».