A vaga de incendios que arrasa Galicia concentra a súa maior virtulencia na provincia de Ourense. Manteñense activos sete grandes lumes que afectan xa a máis de 70.000 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Consellería de Medio Rural.
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe martes.
A Coruña
CONTROLADOS
Controlado Muxía-Nosa Señora da O
Está controlado desde as 21.13 horas de onte o lume iniciado ás 13.13 horas do venres 15 na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 25 axentes, 40 brigadas, 23 motobombas e 1 helicóptero.
Lugo
CONTROLADOS
Controlado Cervantes-Vilarello
Está controlado desde hoxe ás 08.35 horas o lume rexistrado o sábado 16 ás 05.27 horas no concello lucense de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado 11 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Controlado O Saviñao-Chave
Desde as 01.58 horas de hoxe está controlado o incendio do concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que se iniciou o sábado ás 15.00 horas e o que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 axentes, 21 brigadas, 18 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo 10 de agosto o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 79 axentes, 104 brigadas, 110 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
Ourense
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 135 axentes, 165 brigadas, 102 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 22 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 15.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 107 axentes, 150 brigadas, 96 motobombas, 4 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 33 axentes, 37 brigadas, 33 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores 13 ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 19 axentes, 13 brigadas, 14 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde do xoves 14 reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 23 axentes, 36 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as novas medicións afecta arredor de 20.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 34 técnicos, 113 axentes, 154 brigadas, 110 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que permanece activo e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 3.500 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 57 axentes, 88 brigadas, 58 motobombas, 4 pas, 2 unidade técnicas de apoio, 8 helicópteros e 12 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou estabilizado ás 00.37 horas de hoxe. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 89 axentes, 133 brigadas, 79 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas de hoxe o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas de hoxe un lume que comezou onte as 14.33 horas de no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Estabilizado San Cibrao das Viñas-Rante
Estabilizado desde ás 01.24 horas deste luns o incendio iniciado o pasado sábado ás 14.30 horas no concello de San Cibrao das Viñas, que segundo as últimas estimacións supera as 60 hectáreas. Na súa extinción participaron, de xeito acumulado, 1 técnico, 13 axentes, 28 brigadas, 17 motobombas, 2 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Pontevedra
ESTABILIZADOS
Estabilizado Agolada-O Sexo
Ás 12.34 horas de onte quedou estabilizado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o pasado venres e o cal, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 23 axentes, 40 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.
Confinamentos e desaloxos
As medidas de protección á cidadanía permanecen vixentes nas zonas afectadas polos incendios forestais na provincia de Ourense e permanece activada a Situación 2.
Cómpre sinalar tamén que durante a noite, en Pentes (A Gudiña), parte da poboación decidiu irse de xeito preventivo polos seus propios medios e o resto confinouse. Non houbo máis evacuacións ou confinamentos.