martes, agosto 19, 2025
InicioNewsComarcasComeza a poxa dos viñedos do Castelo de Soutomaior con 15.000 quilos...

Comeza a poxa dos viñedos do Castelo de Soutomaior con 15.000 quilos de uva albariña e doutras variedades

A Deputación de Pontevedra saca un ano máis a poxa pública a colleita e explotación da uva producida nos viñedos situados na finca do Castelo de Soutomaior. A Deputación inicia a poxa este ano cun tipo de saída de 1,20 euros por quilo de uva albariña e de 1 euro no caso da uva doutras variedades (prezos con IVE incluído), coa previsión de que se alcancen os 15.000 quilos nesta campaña. As empresas interesadas teñen de prazo ata o xoves 21 de agosto ás 10:00 horas da mañá para presentar as súas ofertas.

Cando comezará a vendima?

Cóntase con que «sexa unha boa campaña debido a que naceron moitos acios con condicións meteorolóxicas moi boas durante a floración, sen apenas choivas que afectaran negativamente o callado dos botóns florais», segundo indican desde a Deputación. Estímase que a vendima «virá adiantada, ao igual que o ano pasado, polo gromo temperán da vide e as condicións favorables para o cultivo do albariño dos últimos meses». As datas estimadas para o caso de Soutomaior, en sintonía co observado polo persoal de Areeiro nos últimos avisos fitosanitarios, é a segunda semana de setembro.

A adega que resulte adxudicataria (o único criterio que se terá en conta para a adxudicación será a poxa máis alta) farase cargo da vendima na finca do castelo e tamén do traslado da colleita. O ano pasado colleitáronse preto de 13.000 quilos de uva (11.300 quilos de albariña e outros preto de 1.600 quilos de godello), superando as previsións estimadas en arredor de 12.000 quilos. Os traballos da campaña pasada, realizados por Quinta das Eiras, supuxeron a contratación de preto dunha vintena de persoas.

A explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior remóntase ao ano 1984 e ocupa catro das 23 hectáreas coas que conta o complexo no seu conxunto. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. Toda a uva do castelo é autóctona e albariña na súa maioría, pero nos viñedos tamén se atopan outras variedades brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) e mesmo tintas (mencía e sousón).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS