lunes, agosto 18, 2025
InicioNewsRueda detalla o paquete de axudas da Xunta que se aprobará a...

Rueda detalla o paquete de axudas da Xunta que se aprobará a semana que vén para os afectados polos incendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe para dar conta do avance na configuración das axudas que se aprobarán a semana que vén para facer fronte aos danos provocados polos lumes forestais, especialmente na provincia de Ourense.

Nesta liña, o titular do Executivo galego sinalou que en canto estean controlados os lumes, tocará cuantificar os danos para de inmediato resarcir aos damnificados para que recuperen todo o que perderon. Por iso, desde a Goberno galego convocarase un Consello extraordinario en Ourense para aprobar a configuración das axudas e solicitarase ao resto de Administracións, tanto locais como estatal, que se involucren na recuperación dos danos.

Explotacións forestais, comercios e vivendas

Rueda recalcou que os apoios dirixiranse aos afectados para paliar os danos que sufriron, e poderán estenderse entre outros a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e para o arranxo das vivendas afectadas, ademais de axudar co aloxamento provisional ás persoas afectadas.

Despois de facer o balance da situación actual dos lumes, o presidente comunicou os medios incorporados polo Estado ao dispositivo nas últimas horas:

  • Arredor de 200 militares para prestar apoio ao traballo que efectúa a Garda Civil, así como outros 58 da operación centinela
  • 4 operadores de máquinas para traballar como cortalumes
  • 3 buldozers previstos para que cheguen hoxe
  • Distinto material de intendencia, como camións, autobuses e grupos electróxenos

Medios insuficientes

Nesta liña, Rueda agradeceu o envío de medios por parte do Estado, pero incidiu que non son suficientes e que se precisan máis medios dispoñibles de inmediato e sen máis dilacións, especialmente maquinaria pesada e medios aéreos. Ademais, o titular do Executivo galego recalcou que que os únicos recursos que Galicia albergou estes días procedentes de Fondo de Solidariedade Europea foron dous hidroavións FOCA desde Francia e que agora mesmo non hai ningún outro medio procedente dun país europeo traballando na nosa comunidade.

Por outra banda, o presidente aproveitou para agradecer o esforzo e o traballo de todas as persoas que levan traballando sen descanso na extinción dos lumes.

En canto as comunicacións, o presidente indicou que nas vindeiras horas está previsto que se tome unha decisión sobre o restablecemento das conexións ferroviarias entre Galicia e a Meseta.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS