A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a reforzar o sistema de protección e salvagarda dos espazos naturais protexidos afectados polos incendios forestais, segundo indican desde a administración autonómica.
Nese senso, está declarada a situación de emerxencia no Parque Natural do Invernadeiro, onde se están a empregar dúas máquinas pesadas para mellorar os cortalumes perimetrais.
Tanto nese espazo protexido como no da Serra da Enciña da Lastra tamén se están a desenvolver actuacións de ataque manual a frontes de lume para aumentar a salvagarda ante os incendios.
Na provincia de Lugo tamén se vai declarar a emerxencia para os traballos de palas retroexcavadoras para a mellora dunha pista co obxectivo de garantir o acceso e a operatividade dun punto de auga moi estratéxico no Courel e de grande importancia para atallar os lumes activos.
Vixilancia e supervisión
Ademais, todos os axentes medioambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural están en situación de garda e á disposición dos servizos provinciais de Prevención de Incendios Forestais. En concreto, as actuacións a desenvolver son a vixilancia de novos incendios, a supervisión de perímetros de lumes controlados ou labores de loxística.
A maiores, de xeito excepcional, aqueles axentes que teñan a formación e experiencia necesaria poden integrarse de maneira voluntaria na extinción de incendios. Neste caso a Consellería do Medio Rural encárgase de dotalos dos epis de seguridade e das emisoras de traballo coas frecuencias do operativo de extinción.