miércoles, agosto 13, 2025
InicioNewsComarcasAs Neves distingue a Michel Salgado como fillo predilecto e dará nome...

As Neves distingue a Michel Salgado como fillo predilecto e dará nome ao Complexo Deportivo da Caíña

O pleno municipal da corporación das Neves, que se celebrou esta mañá, aprobou por maioría, cos votos a favor do PP e a abstención do resto de grupos políticos, o nomeamento de Michel Salgado como fillo predilecto da localidade. O grupo de goberno promoveu esta distinción para condecorar a unha das grandes figuras do deporte nacida no municipio. As razóns que impulsan este recoñecemento institucional céntranse nos seus “méritos profesionais e as súas cualidades persoais”, ademais da «importante traxectoria e os éxitos deportivos colleitados como futbolista de primeiro nivel», segundo indican desde a administración local.

Recepción institucional

Esta proposta de Alcaldía de recoñecer a un dos seus grandes veciños ilustres como fillo predilecto é só o primeiro dos diferentes actos que o Concello ten previstos. Mañá mesmo haberá recepción institucional e despois sesión solemne no salón de plenos do Consistorio, onde o alcalde fará entrega do diploma acreditativo e da insignia de fillo predilecto das Neves ao laureado exfutbolista, quen quedará inscrito no Libro Rexistro de Honras e Distincións do Concello.

No marco do pleno desta mañá tamén se anunciou que o actual Complexo Deportivo da Caíña pasará a chamarse “Complexo Deportivo Michel Salgado”, un xesto que liga de maneira permanente e especial o nome dun dos grandes persoeiros do concello coa práctica deportiva no municipio.

Escola de fútbol base

Finalmente, no paquete de medidas impulsadas polo grupo de goberno, destaca a creación dunha Escola de fútbol base, que tamén levará o nome do xa fillo predilecto das Neves, «dada a experiencia de Salgado no traballo con diferentes canteiras».

O propio alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, destacou que “con este nomeamento dáse un importante paso adiante para poñer en valor a un dos mellores deportistas da nosa historia, que sempre destacou polo seu sacrificio, traballo e entrega e por ter levado o nome desta vila por todo o mundo. Ese exemplo, de éxitos e de compromiso coa práctica do deporte, é o que queremos promocionar para as novas xeracións de rapaces e rapazas, porque por sorte teñen un gran espello onde verse reflectidos”.

«Un emprendedor futbolístico en Asia«

Salgado está actualmente desenvolvendo a súa actividade profesional como máximo responsable do Fursan Hispania, o club de fútbol que el mesmo fundou en 2020 en Emiratos Árabes Unidos e que conta con distintos técnicos galegos que pasaron pola canteira e o primeiro equipo do Celta. O que fora lateral dereito celeste e madridista tamén dirixe a súa academia de fútbol para novos talentos, ampliando xa as súas categorías desde os sub 10 aos sub 14. Ademais, este ano nace o seu equipo feminino, unha importante novidade nun fútbol como o de Dubái

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS