martes, agosto 12, 2025
InicioNewsActualidadeMos celebra a Gran Festa dos Maiores no parque de Costoias

Mos celebra a Gran Festa dos Maiores no parque de Costoias

O Concello de Mos organiza o vindeiro domingo 31 de agosto, en Costoias (Tameiga), a XXXV edición da Gran Festa dos Maiores, unha xornada de convivencia, homenaxe e diversión dedicada ás persoas maiores do municipio.

A celebración, que reúne cada ano a unas 700 persoas, comezará ás 12.00 horas, coa misa cantada pola Coral O Son dos Cantares, que dará paso á actuación da Banda de Música de Torroso. A continuación, terá lugar o tradicional xantar popular, no que se reunirá a veciñanza para compartir mesa e conversa.

Un dos momentos máis emotivos da xornada será, xa pola tarde, a homenaxe e entrega de detalles aos matrimonios que celebran as súas vodas de ouro. Os matrimonios homenaxeados nesta edición son 50, dos que dous son de Guizán, tres de Petelos, cinco de Torroso, nove de Mos, tres de Dornelas, sete de Pereiras, oito de Tameiga, catro de Sanguiñeda, catro de Louredo e cinco de Cela.

A tarde continuará con animación musical e baile, poñendo o broche de ouro a unha festa que, edición tras edición, mantén viva a tradición de agradecer, coidar e celebrar o papel fundamental das persoas maiores na vida social, cultural e familiar de Mos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que “a Gran Festa dos Maiores é un dos eventos máis queridos do noso calendario, unha oportunidade para devolverlles todo o agarimo, traballo e dedicación que teñen entregado ao longo das súas vidas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS