lunes, agosto 11, 2025
InicioNewsComarcasO Festival Groba regresa a Ponteareas con cartel internacional e a música...

O Festival Groba regresa a Ponteareas con cartel internacional e a música da Cámara Galega

O vindeiro domingo 17 dará comezo a décimo terceira edición do Festival Groba, unha das poucas citas europeas de música clásica que ofrece todos os concertos con entrada libre ata completar aforo, co obxectivo de achegar a música culta a todos os públicos e manter vivo o legado do mestre Rogelio Groba Groba.

Nesta edición, o festival reúne un elenco de artistas internacionais e nacionais de primeiro nivel, entre os que destacan o violinista Amaury Coeytaux, a pianista Zee Zee, a violinista Veriko Tchumburidze, a violista Lousha Fang, os chelistas Henri Demarquette e Luka Coetzee, ou a soprano Laura del Río, entre outros. Xunto a eles, actuarán destacados músicos galegos e a Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do festival desde a súa creación e un dos piares desta cita cultural.

Unha oportunidade única para escoitar en directo aos mellores músicos do mundo, así o destacaron na presentación da edición 2025 na sede da Deputación de Pontevedra, na que non faltaron os principais apoios do Festival, a Deputación de Pontevedra representada pola vicepresidenta, Luisa Sánchez, e a Xunta, representada polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Acompañados polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, polo director do Festival, Rogelio Groba Otero e pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, coincidiron en adiantar o seu apoio ao Festival Groba pola importancia do seu programa e por ser unha plataforma de difusión cultural.

Programación Festival Groba 2025

A programación combinará concertos, clases maxistrais e encontros con artistas, reforzando tamén o compromiso coa formación de novos músicos a través do programa Mentorship, que nesta ocasión contará co cuarteto internacional Elaia Quartett, con residencia en Alemaña. Estudantes do Conservatorio Municipal de Ponteareas tamén participarán activamente en ensaios e concertos.

O concerto inaugural terá lugar o domingo 17 ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, coa interpretación de Sarabanda sobre un tema de Haendel de R. Groba, o Concerto para piano e orquestra nº12 en La K. 414 de W. A. Mozart, e Suite Grovios de R. Groba, a cargo da Orquestra de Cámara Galega baixo a dirección de Rogelio Groba Otero e co pianista Pablo Diago Busto como solista.

Ademais, o convento de Canedo acollerá concertos o mércores ás 21:00 horas e o venres ás 12:00 horas, incluíndo a estrea dunha obra inédita de R. Groba.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “o Festival Groba é unha experiencia única arredor da música, a tradición e a paisaxe galega. A categoría desta edición, cunha programación que reúne figuras internacionais, nacionais e a nosa orquestra de cámara galega, consolida Ponteareas como un escenario cultural de primeiro nivel”.

Nesta edición o festival recibirá a artistas como o violinista Amaury Coeytaux, a pianista Zee Zee, a violinista Verkio Tchumburidze, a violista Lousha Fang, os chelistas Henri Demarquette e Luka Coetzee, ou a soprano Laura del Río, entre outros. Tamén contará cun elenco de músicos galegos e galegas, así como coa participación da Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do festival desde a súa creación. 

“O Festival Groba é, sobre todo, unha declaración de principios: música feita con rigor e paixón, ofrecida con xenerosidade a toda a cidadanía. Música para lembrar quen somos, de onde vimos e cara onde queremos ir”, manifestou Rogelio Groba Otero, director do festival.

Sete días de música culta do 17 ao 23 de agosto que atraerán a persoas de toda Galicia e norte de Portugal que aproveitan a ocasión para gozar da música e coñecer o patrimonio histórico de Ponteareas así como bañarse nas augas do Tea, “o festival promove o coñecemento da música e tamén de Ponteareas e da comarca porque cada vez son máis as persoas que aproveitan e collen uns días para facer Turismo e desfrutar dos concertos”, explica o tenente de alcaldesa Juan Carlos González Carrera.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS