viernes, agosto 8, 2025
InicioNewsComarcasPonteareas presenta á cidadanía o proxecto de reurbanización no que investirá 1,1...

Ponteareas presenta á cidadanía o proxecto de reurbanización no que investirá 1,1 millóns de euros

Facer accesibles edificios bloqueados por escalóns, incrementar as zonas verdes para evitar illas de calor, achegar o comercio á cidadanía e mellorar as redes de subministros son algúns dos obxectivos do proxecto de reurbanización da contorna da Casa do Concello presentado á cidadanía no salón de plenos.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, mantivo un encontro participativo coa propiedade dos edificios no que explicou, xunto ao técnico responsable do proxecto, a intervención que se executará despois das festas de San Miguel. 

Grazas á reformulación do proxecto o goberno de Ponteareas engadíu dúas novas rúas con graves problemas de accesibilidade nas que era vital intervir. Así, o Concello dotará de acceso a un total de cinco edificios da rúa Constitución que están bloqueados por escalóns reorganizando o espazo da praza e os xardíns, unha intervención que non estaba contemplada no proxecto inicial. 

Tamén se reformulou o proxecto para inclur a rúa Rogelio Groba e acometer as obras solicitadas polas veciñas e veciños da rúa que demandaban a retirada do adoquín por un solo máis accesible. 

“Non entendíamos obrar nesta zona e deixar dous dos problemas máis importantes sen resolver. Por este motivo reformulamos o proxecto para poder dar resposta á demanda da cidadanía e posibilitar que as e os residentes nos edificios da avenida Constitución poidan acceder ás súas vivendas sen barreiras. Fixemos o mesmo para a rúa Rogelio Groba, ese adoquín imposibilita o tránsito de persoas con mobilidade reducida ou cadeiras de rodas e representa un perigo para as persoas maiores”.

Silvia Fdez. Táboas tamén informou que para dar resposta á demanda veciñal abrirase ao tráfico a rúa Concha Brey a través da rotonda da avenida de Galicia pola que se poderá continuar ata Reveriano Soutullo que tamén se abre ao tráfico. A rúa Virxe dos Remedios é outra das rúas polas que se poderá circular en dirección á Concha Brey. 

“Dicíamolo estes días cando comunicábamos o desbloqueo da zona industrial de A Lomba e onte cando abrimos unha nova zona de aparcamento no centro de saúde. Transformamos as palabras en feitos. Prometemos desbloquear estas rúas, facilitar o acceso aos comercios locais e ás propias vivendas e así o imos facer”.

Outra das grandes apostas do proxecto é o incremento das zonas verdes e reorganización das zonas axardiñadas con especies axeitadas, coa retirada daquelas que transmitan pragas e coa plantación de vexetación que contribúa a reducir a calor evitando así as illas de calor. 

O proxecto inclúe o cambio das redes de abastecemento, saneamento e deixarase tubaxe prevista para o paso de cableado eléctrico facilitando a retirada dos cables das fachadas. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS