Xornada negra para Galicia. O mércores 6 de agosto foi un dos días nos que os incendios forestais copaban o protagonismo. Nalgúns deles, a Xunta de Galicia tivo que activar o Nivel 2 de emerxencia debido á proximidade do lume a núcleos de poboación. É o caso das Neves e de Salceda de Caselas. No primeiro deles xa está desactivada, pero continúa no municipio da Louriña.
Desactivado o Nivel 2 nas Neves
Meido Rural indica que está desactivada xa a Situación 2 no lume das Neves, na parroquia de San Pedro de Batalláns. Activouse como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas. De xeito máis cocnreto, ao núcleo da Abelleira. Con todo, trátase «dunha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada».
O lume iniciouse ás 14.41 horas de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 9 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
Continúa o Nivel 2 en Salceda de Caselas
Desde as 16.17 horas de onte está activo un incendio no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas. Neste lume foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Pedrapinta.
Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 técnicos, 11 axentes, 16 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 5 avións. Tamén foron mobilizados efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), segundo indican desde Medio Rural.
Activo As Pontes de García Rodríguez-O Freixo
Ademais, continúa activo un incendio forestal no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, parroquia do Freixo, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 22.03 horas de onte e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinición 5 axentes, 7 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.
Controlado Camariñas-Xaviña
O incendio forestal do concello coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña, deuse por controlado ás 07.16 de hoxe. O lume iniciouse ás 16.57 horas do martes e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas de onte. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 18 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Está tamén controlado dende as 23.52 de onte o incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de onte. O lume iniciouse ás 14.12 horas deste martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 19 axentes, 22 brigadas, 19 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ao longo do día de onte puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Ás 19.13 horas de onte quedou controlado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Extinguido Ponteceso-A Graña
O lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, deuse por extinguido ás 23.28 horas de onte. Este lume, que comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo, afectou finalmente unha superficie de 82,53 hectáreas, das cales 81,53 ha corresponden a arborado e 1 ha a raso. Para a súa extinción mobilizáronse un total de 3 técnicos, 22 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.
Activo A Fonsagrada-Monteseiro
Mantense activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 5 técnicos, 26 axentes, 31 brigadas, 36 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
Activo A Fonsagrada-Cereixido
Desde as 13.07 horas de onte está activo outro incendio neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 6 axentes, 9 brigadas, 9 motobombas, 4 palas, 5 helicópteros e 5 avións.
Extinguido Mondariz-Riofrío
O incendio do municipio pontevedrés de Mondariz, parroquia de Riofrío, quedou extinguido ás 23.05 horas de onte. O lume iniciouse ás 00.20 horas da madrugada do martes e, afectou finalmente unha superficie de 19,32 hectáreas arboradas. Mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 8 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 2 pa e 1 helicóptero.
Controlado Vilardevós-Terroso
Mantense controlado desde as 21.47 horas do luns o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 64 axentes, 89 brigadas, 59 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).