Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, e do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia veñen de identificar o presunto autor de varios lumes na zona de Canibelos, parroquia de Velle, no concello de Ourense. A persoa identificada é un home de 28 anos e veciño do lugar.
Durante a realización dos traballos de investigación e de vixilancia no lugar por parte dos investigadores da UIFO e axentes forestais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta, detectouse onte mesmo a un home mentres provocaba de forma intencionada un incendio forestal na citada zona. Tras ser identificado polos axentes, foi detido pola Policía Nacional e trasladado ás dependencias policiais para tomarlle declaración, para posteriormente pasar a disposición xudicial.
A actuación levouse a cabo no marco dunha investigación conxunta entre a Policía Nacional, a UIFO e o persoal do Distrito Forestal XII, despois de detectar nos últimos días unha actividade incendiaria anómala na zona, con varios lumes reiterados. O operativo especial de vixilancia, que contou co apoio dun helicóptero do Corpo Nacional de Policía e varios drons da UIFO, permitiu localizar e sorprender o presunto autor no momento xusto no que iniciaba un novo incendio.
Cómpre lembrar que a UIFO foi creada no ano 2021 e está despregada por todo o territorio galego, onde continúa coas investigacións e recadando probas para traballar na identificación e posta a disposición xudicial dos presuntos incendiarios. Neste sentido, a UIFO está levando a cabo tamén as tarefas precisas para poder identificar aos presuntos autores dos lumes intencionados rexistrados nos últimos días na nosa comunidade.