miércoles, agosto 6, 2025
InicioNewsNova alerta por calor en Galicia: A Xunta sitúa en nivel laranxa...

Nova alerta por calor en Galicia: A Xunta sitúa en nivel laranxa as zonas de Ourense e o interior de Pontevedra

O Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde sitúa en nivel laranxa os concellos das zonas isoclimáticas do Miño de Ourense, montaña de Ourense, noroeste de Ourense, Valdeorras e o interior de Pontevedra.

Ademais, os concellos do interior da Coruña están en nivel amarelo.

Hoxe mércores Meteogalicia informa de que persiste o aire cálido sobre Galicia, que deixa valores de novo altos en todo o interior. Pola contra as temperaturas suavízanse no litoral debido á entrada das brétemas.

Suspensión da actividade deportiva federada no exterior

No caso do deporte, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior na xornada de hoxe en 58 concellos de Ourense e 16 do interior de Pontevedra, excepto no caso das actividades acuáticas, que se recomenda non realizar nas horas centrais do día, é dicir, entre as 12,00 e as 17,00 horas.

  • Noroeste de Ourense: Amoeiro, Avión, Beariz, Boborás, O Carballiño, Coles, O Irixo, Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea e Vilamarín
  • Miño de Ourense: A Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén.
  • Montaña de Ourense: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
  • Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.
  • Interior de Pontevedra: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Recomendacións fronte a vaga de calor

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Aazheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

Que facer ante un golpe de calor?

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais.

Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS