miércoles, agosto 6, 2025
InicioNewsGalicia reclama "unha vez máis" unha reunión co Ministerio para abordar a...

Galicia reclama «unha vez máis» unha reunión co Ministerio para abordar a xestión da AP-9

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, vén de solicitar por carta unha reunión de traballo co ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, «para abordar a xestión da AP-9 diante do último ditame da Comisión Europea relacionado coas prórrogas do contrato concesional da autoestrada», segundo indican desde a Xunta de Galicia.

Allegue empraza ao ministro a esta reunión, «a quinta que solicita no último ano» para abordar a xestión da AP-9, ante a «falta de información do Goberno central sobre a resposta que vai dar ante o citado ditame e para expoñer o novo estudo da Xunta que conclúe que o rescate é neste momento a solución máis vantaxosa para o interese público e cuantifica esta medida en 2.356M€«, tal e como indican desde a administración autonómica.

Neste estudo, ademais, «realízase unha avaliación do impacto que en canto ao tráfico suporía a liberación da peaxe da AP-9«

No estudo actualizado da Xunta, o citado custo da indemnización calculado neste 2025 é maior (2.356 M€) que o calculado en 2024 (2.331 M€), a pesar de que transcorreu un ano máis da concesión. Isto débese a que «o resultado da concesión, o beneficio da concesionaria, é cada vez maior, co que o custo aumenta, e a concesionaria ademais apúntase un ano máis de beneficios». Por esta razón, a Administración autonómica conclúe que «o rescate é mellor afrontalo canto antes«.

Sen resposta do Goberno

A conselleira lembra que a opción do estudo do rescate xa fora suxerida polo Consejo de Obras Públicas e o Consejo de Estado nos seus informes sobre o proxecto de RD 680/2021 no que se que introduciu as bonificacións para os usuarios, logo ampliadas no 2024. Ambos organismos sinalaban que, ante o  enorme compromiso de gasto previsto, debíase analizar a conveniencia do rescate da concesión, «cuestión que non foi atendida».

Allegue sinala que ademais do cálculo do custo da indemnización, o Estado debe realizar tamén un análise custo–beneficio equivalente ao que elaborou para a circunvalación da AP-7 en Alacante e que concluíu sinalando os beneficios socioeconómicos e medioambientais que motivaron posteriormente a liberación definitiva da peaxe nesta autoestrada.

A conselleira amosa a súa disposición «para expoñer os termos do estudo elaborado pola Administración autonómica» e lembra que «no último ano a Xunta ten solicitado en múltiples ocasións unha reunión para abordar unha cuestión de tanta transcendencia como a xestión da AP-9 en múltiples, sen resposta ata agora».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS