O Pau de Sebo volve a Ponteareas o próximo 16 de agosto para converter o río Tea no escenario máis divertido das festas. Será, como é habitual, na ponte de San Roque. Deste xeito, os veciños e as veciñas que se inscriban poderán optar a ser o máis rápido e esvaradío de toda a localidade, demostrando a súa destreza de avanzar por un pau engrasado sen caer á auga. Trátase dun evento que, ano tras ano, reúne a ponteareáns e a pontareás así como persoas visitantes ao redor do patrimonio natural da capital da comarca do Condado.
Ademais, desde a Concellería de Cultura, que dirixe o tenente da alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, indican que as inscricións para participar estarán abertas o propio día a partir das 16:00 horas e que haberá premios para os partcipantes máis esvaradíos.
Pola súa banda, as persoas que así o desexen poderán levar ata o lugar a súa propia comida para cear nun ambiente festivo e de comunidade e, incluso, hai posibilidade de reservar unha mesa.
En canto aos actos relixiosos, terá lugar a misa solemne a partir das 12:00 horas. As actuacións musiciais comezarán ás 13:00 horas coa Banda de Música de Xinzo e o grupo Alteanos e Xonqui.
