martes, agosto 5, 2025
InicioNewsEstabilizado o incendio de Mondariz e controlado o lume de Vilardevós

Estabilizado o incendio de Mondariz e controlado o lume de Vilardevós

Os lumes forestais continúan asolando ao territorio galego. Desta volta, a Consellería de Medio Rural informa que o incendio que comezou a pasada noite no municipio de Mondariz, na parroquia de Riofrío, xa está estabilizado. Ademais, o que se rexistra na localidade ourensá de Vilardevós está controlado, ao igual que o do municipio coruñés de Ponteceso.

Estabilizado Mondariz-Riofrío 

Está estabilizado desde as 9.39 horas un incendio rexistrado hoxe no concello de Mondariz, parroquia de Riofrío. O lume iniciouse ás 00.20 horas da madrugada deste martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse 1 técnico, 5 axentes, 7 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Estabilizado Ponteceso-Brantuas

Desde as 23.32 do domingo, permanece estabilizado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 24 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

Controlado Ponteceso-A Graña

Segue controlado desde as 20.09 de onte o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.

Controlado Vilardevós-Terroso

Mantense controlado desde as 21.47 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.

O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 56 axentes, 79 brigadas, 53 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS