lunes, agosto 4, 2025
InicioNewsRueda pide ao Goberno central o "inmediato" rescate da AP-9 e advirte...

Rueda pide ao Goberno central o «inmediato» rescate da AP-9 e advirte do custo «de adiar esta medida»

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é “a alternativa máis vantaxosa para o interese público”, e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M€,  “cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión”, segundo apuntou Rueda.

A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato. Segundo sinalou o presidente do Goberno galego, “canto máis tempo pase máis caro vai ser para todos os españois”. Neste senso, o informe advirte que na citada estimación xa se incrementa en 65M€ o lucro cesante para a concesionaria respecto ás cifras calculadas o pasado 2024, debido ao incremento dos beneficios da concesión en 2024.

O documento fai unha diagnose da situación da concesión, incidindo, por unha banda, na suba desmesurada das tarifas para os usuarios nos últimos anos e o enriquecemento progresivo da concesionaria. Na actualidade, cada 100 km da AP-9 teñen un custo de máis de 12€ e todo o traxecto da autoestrada (219km) ten un prezo de 26,85€. Así mesmo, os ingresos por peaxes incrementáronse nun 39,7% entre 2021 e 2024, o que significou un aumento da conta de resultados para a concesionaria dun 78,1% nese período.

Advirte que a xestión da autoestrada por parte do Estado nos últimos anos foi «claramente prexudicial para o interese xeral, e especialmente para Galicia, lembrando, ademais, que o debate sobre a reclamación unánime do Parlamento galego para reclamar a transferencia segue bloqueada no Congreso con 38 prórrogas». E sinala a situación de «discriminación da comunidade fronte a outras de España onde si se liberaron peaxes, como é o caso da valenciana, onde o Ministerio adoptou a decisión de facelo na AP-7 en Alacante».

O informe lembra que xa no 2021, coa aprobación do real decreto que introduciu as bonificacións para os usuarios, logo ampliadas no 2024, tanto o Consello de Obras Públicas como o Consello de Estado sinalaban que «ante o  enorme compromiso de gasto previsto se debía analizar a conveniencia do rescate da concesión, cuestión que non foi atendida».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS