lunes, agosto 4, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño impulsa un novo espazo público cun investimento de máis de...

O Porriño impulsa un novo espazo público cun investimento de máis de 2 millóns de euros

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de asinar co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, un convenio de colaboración que permitirá facer realidade un
dos proxectos máis ambiciosos da actual lexislatura para o goberno local: a creación dun novo espazo público na contorna da rúa Pío XII e do Centro de Saúde, cun investimento que supera os 2 millóns de euros.

Este novo proxecto representa un paso decisivo na transformación do núcleo urbano do Porriño e ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida da veciñanza, recuperando unha zona degradada e converténdoa nun lugar de encontro, descanso e actividade. A intervención permitirá actuar sobre máis de 4.000 metros cadrados, unificando espazos residuais e antigas zonas de aparcamento nun parque integrador e accesible.

O deseño do espazo contempla zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como un pequeno anfiteatro para acoller actividades culturais ao aire libre, áreas de xogo cubertas e adaptadas para nenos e nenas de distintas idades, fontes secas e canles de auga decorativas que mellorarán tanto a estética como a funcionalidade do lugar. Ademais, incluirá a plantación de especies vexetais autóctonas —combinando árbores caducifolias e arbustos— para crear sombra, mellorar o confort ambiental e fomentar a biodiversidade. O parque tamén será dotado de mobiliario urbano moderno e iluminación eficiente, apostando por un modelo sostible, accesible e respectuoso co contorno.

O novo espazo estará plenamente integrado na rede de espazos públicos do Porriño, conectando de forma fluída coas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Ramón González e Pío XII, e garantindo percorridos accesibles desde o centro social e outras zonas clave do municipio.

“Este é un proxecto transformador, tanto desde o punto de vista urbanístico como social. O Porriño necesitaba un espazo así: aberto, vivo, pensado para a convivencia e para o desfrute de todas as persoas, sen exclusión. Recuperamos unha zona en desuso e convertémola nun pulmón verde no corazón do municipio”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen destacou tamén “a importancia da colaboración institucional para facer realidade actuacións que deixan pegada e melloran o día a día da veciñanza”.

Esta actuación está financiada parcialmente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Extra, cunha achega de 1,1 millóns de euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS