Historia, gastronomía e natureza. Son as tres cuestións que aúna o Concello das Neves nunha cita especial na que as persoas que participan poderán degustar petiscos e viño baixo as estrelas mentres descubren os petróglifos da parroquia de Taboexa. E é que a administración local vén de anunciar unha nova edición da súa ruta nocturna, que terá lugar o próximo venres 14 de agosto.
Será a partir das 21:30 horas cando comeza esta ruta baixo as estrelas e na que se conxuga historia, natureza e gastronomía. Ademais, o Concello apunta a que é unha actividade pensada para todos os públicos.
Ruta guiada polos petróglifos de Taboexa
Baixo o lema «entre luces e sombras«, a actividade consiste nun percorrido guiado e adaptado a todos os públicos e busca poñer en valor o patrimonio arqueólixo do municipio. Nomeadamente, os petróglifos da parroquia de Tabeoxa. Así, durante a ruta, as persoas participantes poderán coñecer a historia e os segredos destas representacións rupestres milenarias.
Inscrición
As e os menores de 12 anos poderán participar de balde, mentres que para as persoas adultas o prezo de inscrción será de cinco euros. Como broche de ouro, ofrecerase un petisco acompañado dunha degustación de viño baixo a luz das estrelas.
As prazas para esta actividade que organiza o Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Taboexa son limitades e as persoas que desexen participar deberán inscribrise ata o 12 de agosto no número 722 156 586.