O Consello da Xunta vén de aprobar un investimento de máis de 8,2 millóns de euros de fondos propios da Administración autonómica para o funcionamento e para dar continuidade á gratuidade nas escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos. Con este orzamento, o Executivo autonómico financiará unhas 7.300 prazas en 145 centros de 0 a 3 anos de titularidade municipal, nun esforzo compartido coas administracións locais.
Esta convocatoria para acollerse ao programa da gratuidade da Xunta no primeiro ciclo de educación infantil publicarase en datas próximas no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as entidades locais interesadas poderán presentar as súas solicitudes do 1 ao 30 de setembro, ao igual que aconteceu en anteriores convocatorias.
O obxectivo do Executivo autonómico é que Galicia «continúe sendo a comunidade líder en escolarización de 0 a 3 anos, con case un 65% dos nenos e nenas matriculados, o que supón 15 puntos máis que a media nacional e se sitúe a niveis de países europeos como Suecia e Dinamarca» aseguran dende a entidade autonómica.
A Xunta iniciou no ano 2020 a implantación da gratuidade da atención educativa 0-3, que hoxe está á disposición de máis de 32.000 familias que non teñen que pagar nada pola atención educativa na escola infantil dos seus fillos, xa sexa esta pública, de iniciativa social ou privada. A Xunta destina máis de 65 millóns de euros de fondos propios a esta medida, que supón para os fogares un aforro duns 3.000 euros por curso.