O Concello de Salvaterra de Miño presenta os cursos para persoas maiores de 65 anos que se desenvolverán durante os próximos meses a través do proxecto do Programa de Cooperación INTERREG VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 denominado “Red de Gobernanza do Río Minho Transfronteirizo”.
O goberno local asegura que «tras o éxito das pasadas edicións», retómase esta iniciativa de carácter gratuíto con actividades que promoven o envellecemento activo da poboación e que están enfocadas no aprendizaxe sen esquecer a socialización.
O obxectivo deste programa é promover o envellecemento activo mediante a actividade cognitiva, física e socioemocional co foco principal de mellorar a calidade de vida, aumentar a esperanza de vida saudable, fomentar unha vida independente e reducir o illamento que adoita producirse neste grupo de idade, mediante a posta en marcha de medidas transfronteirizas conxuntas.
Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 65 anos empadroadas en Salvaterra de Miño e darán comezo en agosto e remantando no mes de novembro.
As persoas interesadas poderán optar os seguintes cursos: Memoria, os luns e mércores de 10:00 a 11:30 na Aula de Capacitación Dixital na Casa da Cultura de Salvaterra, pintura, os xoves de 16:00 a 17:30 na Casa do Maior de Leirado e ximnasia, os xoves de 10:00 a 11:00 no Centro Cultural de Leirado.
As inscricións realizaranse a través do teléfono 636 81 00 16 e as prazas son limitadas.