O incendio forestal que asola ao municipio da Cañiza desde a pasada xoranda continúa activo. Así o informan desde a Consellería de Medio Rural a través dun comunicado no que apuntan que o Nivel 2 de emerxencia continúa na localidade como medida preventiva. Este grao de alerta se decreta cando o lume esta preto de núcleos de poboación.
Con todo, o confinamento, que se decretara en sete núcleos da localidade, si está xa desactivado desde esta mañá. Foi a primeira vez que Galicia empregou o sistema de alerta a través dos móviles, o coñecido como Es Alert.
Deste xeito, o lume que afecta á parroquia do Couto, no municipio da cañiza, continúa activo e non está controlado. O incendio comezou ás 16:23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, «o que apunta a unha clara intencionalidade», segundo explican desde Medio Rural. As últiams estimacións indican que a superficie afectada supera xa as 200 hectáreas. En concreto, 270.

Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 18 axentes, 31 brigadas, 20 motobombas, 6 pas, 8 técnicos, 6 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros. Ademais, tamén participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizados os incendios de Arbo e Carballeda
Ás 12.15 horas deste mediodía deuse por estabilizado o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes.
Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 8 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas e 2 helicópteros.
Pola súa banda, permanece estabilizado, dende as 21.54 horas de onte mércores, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas e no que, antes desta nova estabilización, rexistrouse unha reprodución.
O incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 27 axentes, 44 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 8 avións.
Controlado os incendios de Carballedo e Salvaterra de Miño
Ademais, segue controlado, dende as 21.15 horas de onte mércores, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para o seu control extinción 1 técnico, 14 axentes, 23 brigadas, 27 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 3 avións.
Na comarca do Condado, continúa tamén controlado, desde as 20.48 do martes, o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 4 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.
Está controlado, desde as 22.20 horas de onte mércores, un incendio forestal no concello pontevedrés de Tomiño, parroquia de Piñeiro, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 27 hectáreas, das cales 25 son de monte arborado e as 2 restantes de raso. Para a extinción deste lume, que se iniciou ás 02.42 horas da madrugada de onte mércores, mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 14 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.