O Concello de Arbo acollerá o vindeiro 8 de agosto o Festival Lampre’Music. O evento terá lugar na Praza do Consistorio no marco das actividades de celebración da tradicional Festa da Lamprea Seca e dará comezo ás 00:00 horas.
A xornada busca consolidadrse como unha das citas musicais estivais máis relevantes na comarca, con propostas musicais actuais que atraen a un público variado.
“Este festival esperamos convertelo nun referente anual para os mozos e aqueles que desexan vivir unha noite diferente nunha contorna segura e agradable” aseguraba o alcalde de Arbo, Horacio Gil. “A XXX Festa da Lamprea Seca“, engadía o rexedor, “non só está centrada na música. Para garantir a diversión de todos os asistentes tamén se levarán a cabo actividades complementarias que inclúen espazos para a convivencia, actividades para todos os públicos e un ambiente familiar”.
A discoteca móbil fará vibrar aos asistentes ao son de ritmos vivos e mesturas que animarán a noite ata altas horas da madrugada.
Dende o Concello de Arbo fan un chamamento “á responsabilidade e ao respecto mutuo para garantir que a noite transcorra nun ambiente de celebración segura, gozando da música e a compañía”.

