A biblioteca pública municipal de Ponteareas xa presta servizo as 24 horas do día dos 365 días do ano. Así o indican desde o Concello da capital da comarca do Condado a través dun comunicado no que indican que «sesenta persoas adultas benefícianse xa dos horarios extraordinarios que a biblioteca ofrece para as persoas que precisan estudar fóra do horario habitual». Este servizo é posible grazas á instalación dunha pechadura electrónica.
O Concello de Ponteareas amplía, deste xeito, o servizo de biblioteca facéndoa accesible ás 24 horas do día. O horario de apertura xeral é de luns a venres de 08:00 a 21:00 horas e os sábados, de 10:30 a 13:30 horas.
Como solicitar o acceso gratuito?
As persoas que desexen beneficiarse deste servizo gratuito deberán realizar unha solicitude previa na propia biblioteca municipal. Alí, deberá dar o motivo polo que desexa acceder á biblioteca fóra do horario habitual ben por estudar un mestrado, un grao ben unhas oposicións, entre outras posibilidades.
Polo de agora, este acceso gratuito as 24 horas do día os 365 días do ano está dispoñible para veciños e veciñas de máis de 18 anos. As persoas que obteñan o permiso poderán acceder á bibliteca municipal a través dun código numérico que deberán insertar á entrada.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, indica que «para garantir a seguridade, protexer zonas e que se faga un uso axeitado das salas instaláronse cámaras de seguridade e delimitáronse os espazos aos que se pode acceder».
A alcaldesa, Nava Castro, explica que esta é unha medida transitoria para satisfacer a ampla demanda de persoas que traballan de día e preparan oposicións, proxectos de investigación ou estudos de grao e másters, entre outros. “Mentres avanzamos no proxecto da nova biblioteca pública municipal que albergará o actual edificio da praza de abastos queremos que a cidadanía poida dispor dun espazo no que mellorar a súa formación”.