A Consellería do Medio Rural vén de emitir un comunicado no que indica que o incendio que obrigou a decretar o Nivel 2 de emerxencia pola proximidade do lume ás casas en Arbo continúa activo. Esta situación operativa foi desactivada ás 23:55 horas. Polo de agora, segundo as estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse cinco axentes, un técnico, 12 brigadas, 9 motobombas e dous helicópteros.
En canto ao lume que tivo lugar en Carballeda de Avia, Medio Rural indica que, desde as 11:44 horas, está estabilizado. Afectou á parroquia de Carballeda e, segundo as primeiras estimacións provionais, rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. O incendio forestal comezou sober as 12:59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 19 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 4 avións.
Controlados os lumes de Salvaterra e Meaño
Pola súa banda, desde as 03.42 horas de hoxe, está controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 60 hectáreas de superficie arborada. O lume iniciouse ás 00.11 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 10 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións, segundo indican desde Medio Rural.
Permanece tamén controlado, desde as 20.48 de onte, o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. Medio Rural indica que o incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.
Continúa estabilizado, desde as 22.28 horas de onte, o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.