jueves, julio 31, 2025
InicioNewsGalicia activa a Operación Centinela 2025 coa videovixilancia do 85% do monte...

Galicia activa a Operación Centinela 2025 coa videovixilancia do 85% do monte e 7.000 efectivos contra lumes

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na presentación da Operación Centinela 2025, onde destacou a importancia da colaboración institucional na loita contra os incendios forestais. No acto, que tivo lugar na base aérea do Campiño, estiveron presentes tamén o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; o xeneral da Brilat, Alfonso Pardo Santayana; os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Emerxencias e Interior, Santiago Villanuevo; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. 

A titular de Medio Rural explicou que no marco deste convenio despregarase un operativo composto por 35 patrullas terrestres —cinco máis que en anos anteriores— e dous equipos de mantemento móbil, con misións de vixilancia e disuasión. O dispositivo actuará nos montes galegos entre o 15 de agosto e o 30 de setembro, co obxectivo de que a presenza de medios militares no territorio axude a disuadir condutas que poidan derivar en incendios forestais, tal e como se comprobou con éxito en campañas anteriores.

Medio millón de euros

O investimento previsto para esta edición supera os 550.000 euros, unha cantidade superior á do ano pasado debido ao reforzo coas cinco novas patrullas terrestres, que desenvolverán o seu labor na provincia de Ourense. Neste sentido, Gómez salientou que a Operación Centinela intégrase no traballo conxunto de prevención e extinción dos lumes levado a cabo pola Consellería do Medio Rural. Neste 2025 cóntase, un ano máis, con máis de 7.000  efectivos, incluíndo os da Xunta e outras administracións, durante a época de alto risco. 

No caso do persoal do Goberno autonómico, a conselleira fixo referencia a mellora das condicións laborais implementada nos últimos anos, ao aumentar de forma paulatina o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo, que este ano realiza o seu labor durante oito meses, un máis que no 2024. 

Do mesmo xeito, refórzase a aposta pola formación cun incremento do orzamento dun 19 % para o bienio 2025-2026. En relación cos medios materias, cóntase cunha trintena de medios aéreos, entre autonómicos e estatais, e preto de 380 motobombas, contabilizando as da Xunta e as municipais. 

No eido tecnolóxico, fortaleceuse a capacidade tecnolóxica do sistema galego de prevención, coa ampliación da rede de videovixilancia, que pasa a contar con 181 cámaras en 90 localizacións estratéxicas do territorio. Gómez sinalou que deste xeito “temos o 85 % do monte videovixilado”. 

A conselleira destacou que se trata dun importante esforzo que fai que teñamos “un dos mellores dispositivos de loita contra o lume tanto no panorama nacional como internacional, tal e como o acreditan as estadías formativas dos bombeiros forestais dos Países Baixos, Estonia e o País Vasco». Seguindo esta liña, subliñou que en Galicia “temos que estar moi orgullosos do noso dispositivo e de todos os profesionais que integran o Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF)».

Xa para finalizar, apelou á concienciación cidadá e á colaboración mutua, tanto das administracións como da sociedade no seu conxunto. Neste sentido, solicitou precaución á hora de levar a cabo traballos agrícolas durante a época de alto risco e incidiu en que as persoas que realicen estas tarefas teñan a man auga ou extintores no momento de realizalas. Así mesmo, cómpre lembrar tamén que o 75% dos lumes son intencionados, polo que insistiu que, ante calquera sospeita de lume, débese chamar ao 085.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS