O próximo martes, 29 de xullo, continúa o ciclo de visitas guiadas organizadas polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui ,no mes de xullo e agosto, baixo o titulo de “Coñece o noso patrimonio”. Nesta ocasión será unha visita guiada ao mosteiro de Sanfins, en Friestas, en Valença, que comezará ás 20 horas ES.
O mosteiro de San Fins é un dos exemplos máis salientables do románico de Portugal, monumento nacional desde 1910. No mesmo destaca, por un lado, a conservación case intactas das súas estruturas e formas medievais. Por outro lado, conta cun gran repertorio escultórico figurado, presente especialmente na cabeceira e nos canzorros das cornixas. O Mosteiro de Sanfins foi a cabeceira do antigo Couto Monástico de Sanfins e a súa importancia mereceu varias cartas de privilexio reais. O antigo mosteiro e o valado da granxa ofrecen unha viaxe no tempo nun espazo natural único.
A visita estará guiada polo historiador Narciso Serra, que ten dedicado parte da súa vida académica a este cenobio medieval de Valença, é, por tanto, un especialista acreditado na historia deste enclave monástico tan cercano á cidade de Tui e tan escasamente coñecido.
As actividades deste ciclo de visitas guiadas “Coñece o noso patrimonio”, que organiza o Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui, continuará o martes, 12 de agosto, ás 20.30 h coa visita “A escultura románica e gótica na Catedral de Tui” a cargo de Marta Cendón. Mentres o martes 29, ás 20.30 h, dende o adro de San Telmo partirá a visita guiada por José Ramón Fernández á igrexa de San Telmo.
