Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, BNG e Marea Cidadá de Noia así como o concelleiro non adscrito, ex membro do grupo do Partido Popular, Luis Alamancos Pampín, presentaron hoxe formalmente unha moción de censura contra o actual alcalde de Noia, o popular Santiago Freire.
O obxectivo deste movemento político, segundo indican os socialistas nun comunicado, é “restaurar a legalidade institucional, recuperar a confianza cidadá e impulsar unha xestión pública baseada na transparencia, a planificación e o ben común”.
Tal e como anuncia o PSOE de Noia, a moción conta co apoio de nove concelleiros. Esta cifra representa a maioría absoluta do pleno municipal, “cumprindo así todos os requisitos legais establecidos na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), conforme á recente Sentenza do Tribunal Constitucional 134/2025”.
Parálise institucional
Os promotores da moción salientan que esta decisión “non responde a intereses partidistas, senón á necesidade urxente de corrixir un rumbo político esgotado e desconectado das necesidades reais da veciñanza”.
Critican os socialistas que “o goberno actual, liderado por Santiago Freire, afundiu Noia nunha situación de deterioro institucional que afecta directamente á calidade de vida dos seus habitantes”.
Apuntan nun comunicado que falta transparencia e no Concello ten lugar “un uso abusivo da contratación menor, que impide a concorrencia competitiva e compromete a legalidade na xestión dos recursos públicos”. Lamentan, ademais, que existan “infraestructuras abandonadas ou sen uso efectivo, como o centro de Abruñeiras, o Albergue, a Praza de Abastos ou a piscina municipal”.
En canto ás contas do Concello, os socialistas de Noia califican a situación financeira de “crítica” e con “elevada débeda acumulada por prestamos, obrigas económicas coa Mancomunidade, conflitos laborais sen resolver con importantes cantidades pendentes de pago aos traballadores, e procedementos xudiciais abertos que poderían supoñer un desembolso superior aos cinco millóns de euros”.
“Inacción política”
O PSOE de Noia critia, de igual xeito, a “inacción política en áreas clave como a igualdade, os servizos sociais, o acceso á vivenda ou o apoio ao tecido produtivo local” así como a “falta de proxectos de futuro e oportunidades perdidas, cunha xestión sen visión estratéxica nin capacidade de execución”.
Neste contexto, os asinantes da moción de censura indican a moción de censura “é a única vía que nos queda para poñer fin á ineficacia e recuperar o rumbo institucional”.
“Un candidato de consenso“
Así, o próximo alcalde de Noia será o concelleiro do Partido Socialista Francisco Pérez Caamaño, quen “conta co apoio dos grupos impulsores e coa experiencia necesaria para liderar unha nova etapa baseada no diálogo, na transparencia e na acción pública efectiva”, segundo indican desde o PSOE de Noia.
Pola súa banda, Pérez Caamaño comprométese a formar “un goberno plural e estable que afronte con responsabilidade os retos pendentes e reactive os servizos e proxectos prioritarios para o municipio”.
Finalmente, os impulsores desta moción de censura contra o alcalde do Partido Popular, Santiago Freire, explican que se trata “dun exercicio de responsabilidade política” porque queren “devolverlle á xente de Noia un Concello á altura das súas aspiracións, e abrir un novo tempo de goberno útil, dialogante e con proxecto”.

