O Partido Socialista de Ponteareas denuncia, a través dun comunicado, “unha provocación ulta na sede do PSdeG” da vila do Tea. Segundo indican, o espazo “amenceu cun adhesivo do colectivo de extrema dereita Noviembre Nacional nun acto provocador que busca minar os principios básicos da democracia e da convivencia”.
O grupo de ultradereita Noviembre Nacional é coñecido pola súa participación nas protestas que tiveron lugar nas portas da sede do Partido Socialista en Madrid, na rúa Ferraz. Ademais, diferentes líderes da extrema dereita como García-Gallardo, o que foi líder de Vox en Castela e León, auparon a este movemento ultra. Os membros de Noviembre Nacional proclaman consignas nas súas concentracións como “España cristiana y no musulmana”, entre outras.
Agora, os ecos ultras chegan ata a capital da comarca do Condado, en Ponteareas. A sede dos e das socialistas da vila do Tea amenceu cunha sinal pegada nas súas portas e desde o PSOE ponteareán indican que “expresamos a nosa condena maís firme ante esta nova agresión simbólica, que se suman a outros episodios semellantes sufridos por sedes do partido en distintos puntos do país”. Lamentan que “non son feitos illados senón expresión dun clima crecente de crispaicón política e de todo vale alentado pola extrema dereita de Vox e coa compracencia, e incluso seguidismo, do Partido Popular”.
A voceira socialista Vanesa Fernández explica que “en Ponteareas, como en toda Galicia, seguiremos defendendo a democracia, a convivencia e a pluralidade fronte a quen protende impoñer o odio e a intelerancia” e que “temos claro que estes actos non representan á inmensa maioría da cidadanía e moito menos as veciñas e veciños de Ponteareas”.
Os socialistas de Ponteareas apuntan que se trata “dunha obra duns poucos que viven de fomentar a confrontación e o medo. Galicia, como España enteira, é un país tolerante, plural e solidario, que aposta decididamente pola convivencia, polo diálogo e polo respecto mutuo”.
Finalmente, o Partido Socialista de Ponteareas indica que “a democracia temos que coidala entre todas e todos cada día” e lembran que “non imos permitir que sexa secuestrada por quen pretende impoñer o odio”. Neste contexto, explican que “seguiremos defendendo o noso estado democrático fronte a todos aqueles que queren retroceder a tempos escuros que afortunadamente xa deixamos atrás”.

