O Concello de Mos e a Asociación de Hostelería e Turismo de Mos “Bares Mos” presentaron hoxe a campaña “A Volta nos Bares”, unha ruta gastronómica e social que se desenvolverá durante todo o mes de setembro como parte dos actos de dinamización e benvida á chegada da Volta Ciclista a España 2025.
A iniciativa comeza xa en agosto co reparto de 100.000 manteis personalizados entre os bares das 10 parroquias de Mos, cun deseño visual atractivo que anuncia e dá visibilidade á campaña.
Durante todo o mes de setembro, uns 30 establecementos hostaleiros ofrecerán pinchos especiais a 1 euro, acompañados dunha consumición, todos os xoves, venres e sábados, en horario de 19:00 a 23:00 horas. Cada pincho levará o nome dun lugar emblemático de La Vuelta ou dunha figura histórica do ciclismo, creando así unha experiencia única que mestura gastronomía, cultura e deporte.
A clientela poderá participar recollendo un “tapaporte”, no que irá acumulando selos por cada pincho consumido en bares diferentes. Ao completar 6 selos de 6 locais distintos, óptase a premios como maillots da Volta a España, e haberá tamén un agasallo final sorpresa.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que estivo acompañada na presentación por Manuel Seijo, presidente de “Bares Mos”, destacou que “A Volta nos Bares é moito máis que unha ruta de pinchos: é unha homenaxe aos nosos bares, á nosa xente e á identidade que nos une. Unha forma de celebrar a chegada de La Vuelta España á nosa terra dende o máis noso: a vida social, a gastronomía e o orgullo de pobo”.