A comarca do Condado rexistra tres incendios forestais durante esta xornada do 28 de xullo. En concreto, nos municipios de Mondariz, Ponteareas e Salvaterra de Miño. Polo de agora, dous están controlados e un permanece activo, segundo explica Medio Rural ao equipo de informativos de Si Radio.
O primeiro deles tivo lugar na parroquia de Mouriscados, en Mondariz. Comezou sobre as 13:28 horas e ata o lugar trasladáronse dous axentes, catro brigadas, dúas motobombas, un helicóptero e dous avións. O lume quedou controlado sobre as 14:42 horas.
Pouco tempo despois, cando o reloxo marcaba as 13:51 horas, Medio Rural recibía o aviso doutro incendio. Esta vez, na capital do Condado, en Ponteareas. Ata a parroquia de Bugarín desprazáronse dúas brigadas, tres motobombas e un helicóptero. O lume quedou controlado tamén á mesma hora que o que tivo lugar en Mondariz.
O terceiro lume chegou á comarca do Condado sobre as 15:45 horas, no municipio de Salvaterra de Miño, na parroquia de Pesqueiras. Medio Rural desprazou ata alí dous axentes, cinco brigadas, unha motobomba, dúas pás e un técnico así como cinco helicópteros e seis avións. Todavía permanece activo.
Neste contexto, o Concello de Salvaterra de Miño vén de emitir un comunicado no que indica que «debido ao incendio activo na zona do Castelo pedimos á poboación que non se achegue á zona co fin de non obstaculizar o traballo de bomebiros e persoal de extinción de incendios».