O Concello de Ponteareas organiza un taller gratuíto de xestión emocional e sexualidade para as e os adolescentes e a mocidade, con respostas sinceras, doadas de entender, veraces e claras. Explica o concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, que o obxectivo é «ofrecer unha ferramenta preventiva, educativa e formativa que prepare aos adolescentes para vivir a súa sexualidade de forma segura, libre e responsable». Ademais, ao taller tamén poden asistir as nais, pais ou adultos responsables da educación dos menores.
Moitos adolescentes obteñen información sobre sexualidade a través de internet ou redes sociais o que pode levar a ideas erróneas ou mitos, para evitar isto o obradoiro de sexualidade ofrece información precisa sobre anatomía, reprodución, anticonceptivos e enfermidades de transmisión sexual (ETS) así como coñecemento sobre os cambios físicos e emocionais da puberdade.
Esta iniciativa pioneira na Comarca, abordará de forma integral e respetuosa, temas cruciais coma a saúde menstrual, diversidade Lgtbi+, anticonceptivos, cambios corporais, enfermidades ITS, relacións sas e xestión emocional entre outros temas.
Este taller intensivo deseñado para a xuventude do Condado de Ponteareas terá
lugar do 25 agosto ao 5 setembro (de luns a venres) en horario de 10:00 a 14:00
horas. «Dez días de dinámicas de aprendizaxe, actividades prácticas, talleres interactivos,
scape room e espazos de diálogos seguros», engade Cristian Montes.
A inscrición para este obradoiro gratuíto e de prazas limitadas xa está aberta e pode facerse enviando un mail a voluntariado@ponteareas.gal ou a ponteactiva@outlook.es. Tamén se pode solicitar información ou inscribirse no número de teléfono 622697927.
