O Concello do Porriño recibiu esta tarde na Casa Consistorial á deportista porriñesa Aroa Otero, veciña da parroquia de Torneiros, nun acto de recoñecemento polos seus recentes logros deportivos e a súa traxectoria de éxitos no ciclismo galego e internacional.
A ciclista da modalidade de BTT e Ciclocross vén de proclamarse campioa galega de BTT (ciclismo de montaña), un título que revalida tras conseguilo tamén no ano 2023. Cunha traxectoria brillante malia a súa mocidade —ten só 19 anos—, leva desde os 9 practicando ciclismo de montaña e ciclocross, unha modalidade invernal que se desenvolve en circuítos máis curtos, con bicicletas de estrada con rodas de taco.
A deportista acumula un impresionante palmarés: foi dúas veces subcampioa de España de Ciclocross, quedou terceira no Campionato de Europa de 2023 celebrado en Pontevedra e xa participou en tres campionatos europeos e un mundial nesta modalidade.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou durante o acto a importancia de recoñecer o esforzo e a constancia da mocidade deportista do Porriño: “Aroa é un exemplo de superación e disciplina. Consegue éxitos deportivos mentres compaxina adestramentos e competicións co seu primeiro ano de carreira universitaria. É un orgullo para todo o Porriño contar cunha embaixadora así. Hoxe recoñecémola non só polos títulos, senón polos valores que representa.”
Pola súa banda, Aroa expresou a súa emoción por recibir este recoñecemento no seu concello natal: “Para min é un orgullo que se recoñeza o meu traballo desde a miña casa, O Porriño. Este ano está sendo especialmente esixente porque estou compaxinando o deporte co meu primeiro ano de carreira, estudando Dereito en Salamanca. Agradezo de corazón este apoio, que me dá forza para seguir loitando polos meus obxectivos.”