sábado, julio 26, 2025
InicioNewsA Xunta lamenta a "inacción do Goberno" para evitar "as continuas incidencias...

A Xunta lamenta a «inacción do Goberno» para evitar «as continuas incidencias do servizo ferroviario»

A Xunta úrxelle ao Goberno central a tomar medidas que eviten «as continuas incidencias que rexistra o servizo ferroviario galego e que están a causarlles serios prexuízos ás persoas usuarias«. Así o explica a administración autonómica nun comunicado no que apunta que «non son casos illados, senón reiterados problemas que non cesan». Por este motivo, o Goberno galego lamenta «a inacción do Goberno central na toma de decisións e medidas que garantan o correcto funcionamento das conexións ferroviarias».

Incidencias no tren do Barco de Valdeorras

Onte mesmo, martes, volvían saltar queixas no Barco de Valdeorras polos retrasos do convoi procedente de Barcelona, situación xa descrita como habitual, e o pasado domingo decenas de persoas quedaban sen servizo ferroviario na estación de Sarria, «sen ningún tipo de aviso ou explicación».

Dous días antes, o venres, os viaxeiros do tren da mañá entre O Barco de Valdeorras e Ourense víanse obrigados a facer a viaxe de ida e volta en autobús, e o 11 de xullo pasaxeiros do traxecto de media distancia A Coruña-Vigo Urzáiz accedían ao tren en Santiago de Compostela para logo parar en Padrón e ter que ser reubicados noutro convoi, que acadaba o destino cunha hora de demora.

Desde o Goberno galego laméntase unha vez máis «a falta de resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ante situacións que levan meses repetíndose e que provocan constantes queixas entre a cidadanía». Ao goberno galego lle preocupa ademais a «desconfianza que isto produce cara á utilización do tren como medio de transporte».  

Sen resposta do Ministerio

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xa manifestou esta preocupación en diferentes ocasións, tanto en sede parlamentaria como a través de numerosas cartas remitidas ao ministro Óscar Puente e aos máximos responsables de Adif e de Renfe, «sen que polo momento se tomasen medidas que eviten as incidencias».

O Goberno galego lamenta que as persoas que se desprazan cada día por traballo, estudos ou outros motivos, aos que se suman ademais nesta época os desprazamentos estivais e de lecer, «se vexan prexudicados constantemente polas incertezas en relación ao funcionamento dos trens, tanto de media distancia como de alta velocidade, sen que Renfe e Adif acheguen explicacións».

Nesta liña, a Xunta leva meses esixindo ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o interlocutor con Renfe comprometido para poder contar con información actualizada sobre estas incidencias.

A dminsitración autonómica explica que «aos incumprimentos nos tempos e frecuencias prometidos, e aos continuos retrasos súmanse ademais problemas na reserva e compra de billetes para todo tipo de viaxes, de longa e de media distancia, que non se dan resolto a pesar das constantes queixas dos usuarios».

O Goberno galego considera este bloqueo como «un exemplo máis do caos e falta de planificación na prestación do servizo ferroviario, que afecta a milleiros de persoas na organización e planificación das súas viaxes». De feito, segundo lembran desde a adminsitración autonómica, en maio o Consello da Xunta acordou solicitar un informe á Comisión Galega da Competencia para que avalíe a posible conduta abusiva de Renfe ante o bloqueo da venda anticipada de billetes en Galicia, que se ve limitada a un prazo moi reducido, a diferencia doutras comunidades.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS