Os obradoiros dixitais para maiores de 65 anos organizados por Cruz Vermella coa colaboración do Concello do Porriño están a ter unha excelente acollida, con máis de 15 persoas inscritas nas primeiras sesións que se celebran no Centro Sociocomunitario.
Estas actividades, que se desenvolven todos os mércores ás 10:00 horas durante os meses de xullo e agosto, teñen como obxectivo achegar ás persoas maiores ás novas tecnoloxías, ofrecendo formación básica en manexo do teléfono móbil, navegación por internet, xestión de aplicacións e redes sociais.
A visita realizada esta mañá ao taller polo alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, puxo en valor a importancia desta iniciativa: “Estes obradoiros son unha ferramenta fundamental para garantir a inclusión dixital, que é unha prioridade para o Concello. Non podemos permitir que as persoas maiores queden atrás nun mundo que cada vez está máis tecnoloxizado. É moi satisfactorio ver a gran participación e interese que están a mostrar os nosos maiores nestes talleres”.
A concelleira Teresa Veloso engadiu: “Os resultados están sendo moi positivos, o que confirma que estas accións son necesarias para garantir que ninguén quede atrás nun mundo cada vez máis dixital. Perder o medo ás aplicacións e xestionar desde o móbil debe ser posible tamén para os que non non nacemos na era dixital.”
A participación nestes talleres é gratuíta, pero require inscrición previa no Centro Sociocomunitario. Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa inclusión social e tecnolóxica, favorecendo o benestar e a autonomía das persoas maiores.