Un home perdeu a vida esta mañá no Porriño despois de sufrir unha saída de vía, posiblemente provocada por unha indisposición previa mentres conducía.
Os feitos ocorreron ao fío das 11:00 horas, cando varias persoas alertaron ao 112 Galicia dun accidente no quilómetro 18 da A-55, ao seu paso por Atios, no Porriño. Indicaban que o condutor se atopaba en parada cardiorrespiratoria, polo que solicitaban asistencia sanitaria urxente.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil do municipio.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron o falecemento do condutor, único ocupante do vehículo. Segundo as primeiras hipóteses, todo apunta a que o home sufriu unha indisposición previa que provocou que perdera o control do coche e se saíra da vía.