O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, para o financiamento do proxecto básico e de execución dunha pista de atletismo e vestiarios na localidade. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos.
No Pazo provincial, López e Castro selaron un acordo para financiar a actuación, que ascende a case 1,2 millóns de euros, de tal xeito que a Deputación financia o 70%, máis de 834.600 euros, e o Concello de Ponteareas o 30% restante, case 357.700 euros. Ao acto tamén asistiu o tenente de alcaldía, Juan Carlos González.
Nova pista de atletismo de Ponteareas en Fontenla
O proxecto de construción da pista deportiva de atletismo con vestiarios e zona multiúsos situarase no lugar de As Rabadeiras, en Fontenla. En liñas xerais, a actuación consistirá na execución dunha pista deportiva de atletismo de preto de 3.900 metros cadrados e dunha edificación para vestiarios, aseos, instalacións, almacenaxe e sala multiúsos de 635 metros cadrados. Ademais, prevese crear un gran espazo verde na contorna para a cidadanía, a modo de parque con árbores, e unha zona de aparcadoiro para dar servizo ás instalacións deportivas, segundo explican desde o ente provincial.