lunes, julio 21, 2025
InicioNewsActualidadePortas abertas nos Castelos de Soutomaior e Sobroso para celebrar o Día...

Portas abertas nos Castelos de Soutomaior e Sobroso para celebrar o Día de Galicia

A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada de portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso para festexar o Día de Galicia. Deste xeito, o 25 de xullo será de acceso gratuíto tanto o interior de ambos recintos históricos como os seus xardíns, con entrada libre ata completar o aforo.

A través desta xornada será posible coñecer de xeito gratuíto o proxecto de musealización realizado pola Deputación de Pontevedra tanto no castelo de Soutomaior como no de Sobroso. No caso de Soutomaior, a visita permite aproximarse á historia do castelo e dos principais acontecementos que tiveron relación con el percorrendo as súas salas. Tanto a importancia da paisaxe, como a súa situación, as revoltas irmandiñas ou a historia de Pedro Madruga forman parte dun itinerario interactivo que conta con proxeccións audiovisuais.

No que respecta ao castelo de Sobroso, a visita tamén permite achegarse á historia do recinto percorrendo as súas diferentes salas onde se atopan materiais interactivos e pezas audiovisuais e que culmina co acceso á terraza, dotada con paneis informativos para identificar os diferentes elementos da paisaxe que o rodea.

O Castelo de Soutomaior ten abertas as súas portas ao público durante o verán todos os días de 10:00 a 21:00 horas. No caso de Sobroso, pode visitarse de luns a domingo en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS