lunes, julio 21, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño inicia os trámites para aprobar escudo e bandeira oficiais

O Porriño inicia os trámites para aprobar escudo e bandeira oficiais

O Concello do Porriño comeza esta semana un proceso histórico co obxectivo de dotarse por primeira vez de escudo e bandeira municipais. O equipo de goberno convocou hoxe a comisión informativa na que se abordará esta proposta, que se celebrará o vindeiro mércores.

O obxectivo é dar conta á corporación e á veciñanza do acordo adoptado pola Comisión de Heráldica de Galicia na súa sesión do 30 de xuño, e poñer á súa disposición os informes e as propostas correspondentes, garantindo así o coñecemento e a transparencia do proceso previo á súa aprobación definitiva en pleno, prevista inicialmente para finais de agosto.

O alcalde Alejandro Lorenzo cualificou este paso como “un fito para o noso concello, que por fin contará con símbolos oficiais que representen a súa identidade e a súa historia”. Segundo explicou, o escudo e a bandeira propostos foron deseñados tendo en conta elementos chave que definen O Porriño, baseándose nos estudos e informes realizados por Eduardo Pardo de Guevara, Vicepresidente e Asesor da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia así como no asesoramento levado a cabo polo historiador local Diego Giráldez. A proposta recolle símbolos vencellados á historia, á economía e ao patrimonio do municipio.

No escudo, mantense a ponte defendida como elemento central, coroada por unha torre que evoca a Casa Consistorial, obra emblemática do arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Engádese un compás e unha chumbada de prata como homenaxe directa a Palacios, figura senlleira da nosa arquitectura. Dúas espigas de trigo de ouro fan referencia á tradición panadeira do Porriño, documentada desde o século XVI, mentres que unha roda dentada de prata representa o forte tecido industrial do concello, cunha presenza destacada dos sectores da automoción, construción, industria farmacéutica e as explotacións de granito.

O blasonamento proposto describe un campo azul sobre ondas de prata e azul, coa ponte e a torre de ouro no centro, flanqueadas polas espigas, o compás e a chumbada enriba e a roda dentada no centro do xefe. O escudo irá timbrado cunha coroa real pechada.

A bandeira deseñada garda coherencia co escudo e incorpora os mesmos elementos principais: fondo azul, torre amarela entre dúas espigas da mesma cor, compás, chumbada e roda dentada en branco na parte superior, e dúas franxas verticais ondadas de branco no lado do mastro, en alusión ao río Louro.

“O noso obxectivo é representar o que somos, o esencial da nosa historia e do noso presente. Non todo pode estar reflectido, pero si aquilo que nos define: a pedra, o pan, a industria, o río, a arquitectura…”, sinalou o alcalde. Alejandro Lorenzo tamén quixo subliñar que se trata dunha proposta inicial que se comparte co conxunto da corporación e da cidadanía para que todos coñezan en profundidade o seu contido. “Queremos que a veciñanza a faga súa, que se implique neste proceso simbólico para o Porriño”, engadiu.

O Concello habilitará diferentes canais de información e consulta para que tanto os grupos da corporación como a cidadanía poidan coñecer os detalles da proposta antes do deseño definitivo que se levará a pleno.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS