lunes, julio 21, 2025
InicioNewsAs estatuas do Mestre Mateo volven a casa: Santiago escolle o Museo...

As estatuas do Mestre Mateo volven a casa: Santiago escolle o Museo do Pobo Galego para a súa exposición

A alcaldesa de Santiago de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, anuncia que as estatuas atribuídas ao Mestre Mateo serán trasladadas inicialmente ao Museo do Pobo Galego. A rexedora compareceu este luns para dar conta dos acordos da Xunta de Goberno Local (XGL) e informar doutras cuestións de actualidade. Na súa intervención, informou de que o goberno deu luz verde ao texto definitivo da ordenanza da coñecida como taxa turística para a súa elevación a pleno e informou das xestións realizadas e da intención de que as estatuas do Mestre Mateo sexan trasladadas inicialmente ao Museo do Pobo Galego, entre outras cuestións.

No que ten que ver coas estatuas, a alcaldesa deu conta das xestións realizadas ata o momento para verificar a súa volta a Compostela. O lugar ao que virán inicialmente, tal e como a alcaldesa indicou ás portavocías dos grupos municipais, será San Domingos de Bonaval, a sede do Museo do Pobo Galego

Goretti Sanmartín explicou que, unha vez que a familia do dictador Francisco Franco enviou a súa comunicación na que aceptaba a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a propiedade municipal das estatuas, o Concello «iniciou os contactos para dispor o necesario para o seu traslado e depósito nun lugar adecuado».

«Boa sintonía de colaboración»

Neste sentido, contactouse coas direccións responsables da memoria e do patrimonio no executivo estatal e tamén coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para coñecer a súa disposición a colaborar «nesta delicada operación e tamén as condicións e autorizacións administrativas necesarias», segundo indican desde a administración local. Ao respecto, indicou a «boa sintonía para a colaboración».

Así mesmo, o Concello respondeu o burofax da familia Franco demandándolle que se faga cargo do traslado, «toda vez que os servizos xurídicos entenden esa debe ser a interpretación da sentenza, que indica que deben restituír as esculturas».

A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, argumentou que «entendemos que o simbolismo da recuperación destas estatuas, como un acto de restitución ao pobo galego logrado grazas ao impulso colectivo de moitas persoas e institucións que colaboraron neste longo proceso, esixe que se coloquen nun espazo público e referente da identidade colectiva do noso país«.

Museo do Pobo Galego

Sanmartín Rei indicou que o Museo do Pobo Galego conta coas condicións técnicas e museísticas adecuadas para coidar deste ben patrimonial e para «facilitar que sexa visitado no contexto do museo que, probablemente, concita o maior interese de todas as persoas da nosa cidade, do conxunto de Galicia e das persoas que desde fóra queren coñecer a nosa historia e a nosa identidade».

Ademais, neste mesmo museo está depositada outra peza relacionada con estas estatuas, que foi adquirida polo Concello xunto coas estatuas dos profetas e que pode contribuír tamén á lectura do que significa o percurso destas obras. Trátase da lauda sepulcral do século XIV.  

A alcaldesa de Santiago sinalou que, nesta decisión tamén se tivo en conta que as estatuas volven en certa maneira ao Concello ao regresar a un inmoble que é propiedade municipal e que o Padroado do Museo do Pobo Galego manifestou formalmente xa a súa disposición a acollelas. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS