O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos que aproban novos símbolos para o Concello de Ribadeo e a Entidade Local Menor de Morgadáns, no municipio pontevedrés de Gondomar, tanto escudo como bandeira, e que xa recibiran o informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do pasado 30 de xuño.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
Segundo vén definido no decreto, no caso do Ribadeo a bandeira leva o pano de azul coa
chave de amarelo acompañada, no alto, dunha estrela de oito puntas branca. Ao
batente, dúas franxas ondadas e verticais, de branco.

No caso do escudo é de azur (azul) e sobre ondas de prata (branco) e azur, unha chave de
ouro (amarelo), posta en banda e acompañada, no xefe dunha estrela de oito puntas de
prata (branco). Ao timbre, coroa real pechada.

Por outra parte, en canto á bandeira da entidade local menor de Morgadáns, no Concello
de Gondomar, aprobouse que sexa terzada, de verde ao centro cunha pinza de canteira
de amarelo. Á hasta e ao batente de amarelo con cadansúa cabeza de cabalo ao natural
e sobre ondas azuis.

En canto ao escudo, é de sinople (verde), unha pinza de canteira de ouro (amarelo);
mantelado de ouro, con cadansúa cabeza de cabalo ao natural sobre ondas azuis. Ao
timbre, a coroa real pechada.

O Goberno galego leva aprobados un total de 289 escudos e bandeiras das entidades
locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do
Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula.
Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos
e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que
historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos
característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non
fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron
aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de
competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.