A Aula CEMIT de Tui acollerá o luns 11 e o martes 12 de agosto os obradoiros Girl Steam 2025 organizados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da man do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Neste caso contan coa colaboración do Concello de Tui.
Os e as participantes nestas actividades crearán autómatas de cartón que porán en funcionamento a través dun motor programable, partindo do kit de robótica. Logo crearán unha escenografía móbil nunha caixa de sombras para gravar un vídeo que incluirá os autómatas creados.
O luns 11 o obradoiro irá dirixido a rapaces e rapaces de 9 a 11 anos, e o martes 12 de para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Nos dous casos o horario será de 10 a 14 h. Establécese un máximo de 15 participantes cada día.
A inscrición debe realizarse a través do correo cemit.tui@xunta.gal enviando o nome, apelidos, idade e teléfono de contacto.
Trátase de obradoiros prácticos de experimentación tecnolóxica no marco da iniciativa Girl STEAM cos que se impulsan actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.
